Wednesday 01 de May de 2024

Manuel Regos inaugura na cidade deportiva o Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base


Está organizado pola Federación Gallega de Fútbol, en colaboración co Concello de Ordes. O prazo de inscrición permanece aínda aberto

O Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base, convocado pola Federación Galega de Fútbol en colaboración co Concello de Ordes, deu comezo na tarde de onte nas instalacións da cidade deportiva de Vista Alegre. Nel participan un total de 20 persoas, aínda que se espera que ao longo dos vindeiros días o número aumente ao estar aínda aberto o prazo de inscrición.
O encargado de darlle a benvida a todos os asistentes foi o alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade Manuel Regos, quen destacou “a importancia que ten a preparación por parte de profesionais e a obtención de títulos homologados para os que teñen pensado dedicarse en serio a isto, xa que a partir de próximas datas será un requisito imprescindible para poder facelo“. En todo momento Regos estivo acompañado polo director da Escola Nacional de Adestradores, Manuel Mosquera, e polo técnico local Toni Fraga. Ambos incidiron na importancia “do esforzo como a única maneira de acadar bos resultados en calquera proxecto que se leve a cabo”.
Inmediatamente todos os presentes se puxeron mans á obra. Para este primeiro día o programa centrouse na importancia da psicoloxía no eido deportivo, para o que se contou cunha profesional da materia.
A estrutura xeral do curso inclúe áreas de ensinanza comúns, compostas por módulos transversais de carácter científico e técnico xeral, así coma outras específicas propias do fútbol base. A carga lectiva terá unha duración total de 65 horas, que se desenvolverán dende as 20 ás 23 horas os martes e os xoves, e de 9 a 14 horas os sábados. A data de finalización prevista será o 24 de xaneiro.
Os interesados en formar parte do curso poden inscribirse no mesmo Concello de Ordes ou ben a través da Federación Gallega de Fútbol.